Book Creator

Nós tamén temos historia

by Gaspar Méndez

Pages 2 and 3 of 153

Nós tamén temos historia
Álbum histórico dos alumnos de 4º da ESO. Grupos A,B,C e D. Curso 2020/21
Loading...
Loading...
Non son home de letras como para estenderme falando sobre este traballo dos alumnos de 4º da ESO, pero o que si podo dicir é que, cando mo mandaron para a súa posible publicación na web do instituto, demoreime máis do que pensaba lendo nel, mergullando neses anacos de historia duns antepasados espallados polo mundo e rescatados polos seus descendentes, evitando así que se perdan para sempre.
Só espero que, quen o lea, goce tanto como o fixen eu.


Carlos Cazón Rivas.
Director do IES Lucus Augusti.
O da esquerda é meu pai, Manuel Méndez Castro, durante a Guerra Civil española.
Era militante das JSU, e mesmo fora interventor da candidatura de Félix Gordón Ordás (Fronte Popular) nas eleccións de febreiro de 1936; pero foi mobilizado polo exército nacional, no que lle deron o emprego de sarxento.
Polo que contaba, participou nas batallas de Teruel e do Ebro, e serviu baixo o mando do coronel Mohamed ben Mizzián, polo que probablemente estivese na Primeira División de Navarra.


Gaspar M. Méndez Fuentes. Profesor.
Este é o meu bisavó Vicente Fernández Ladra durante a Guerra Civil Española.
Foi recrutado polo bando franquista de maneira obrigatoria como a gran parte dos rapaces de 18 anos da súa aldea, mentres que o seu irmán Ricardo, como estaba facendo o servizo militar, foi chamado a participar xunto á República.
Vicente participou na guerra en Carrión de los Condes, en Burgos, na batalla do Ebro, en Teruel, en Zaragoza e en Madrid. Na batalla do Ebro, para sorpresa de todos, atopouse co seu irmán co que estivo falando ata que, de súpeto, unha bala alcanzou a Ricardo. Meu bisavó, para salvalo, tivo que levalo ás costas ata o hospital de campaña máis próximo.
Esta historia tivo un final feliz: os dous conseguiron sobrevivir á Guerra Civil e volver ós seus fogares.

Santiago Rouco Fernández. 4º ESO B
PrevNext